VISITAS AL BLOG

domingo, 3 de febrero de 2013

SERRA DO PISCO

Día das Candeas, Portela, tan celebrada en numerosos lugares da nosa xeografía. Sábado con prognósticos meteorolóxicos adversos. O noso obxectivo a Serra do Pisco; unha paraxe fermosa chea de encanto, compartido por España e Portugal. O noso destino o pobo portugués de Tourem; un lugar típico de montaña, de construcións típicas onde a pedra é o argumento principal. Coñecer este pintoresco lugar é recomendable. A gandaría a súa principal fonte de riqueza. En Tourem é posible tomar unha macela con limón, unha menta  e un descafeinado con leite (grande) por dous euros.
O noso obxectivo era percorrer a Serra do Pisco pasando por dous vértices xeodésicos portugueses. Iniciamos a nosa marcha con frío intenso e moito vento; a néboa facíase presente por momentos e con moita densidade. Recoñezo que era un día arriscado, pero é que a montaña chámate con tal intensidade que non podes dicir que non. Na barreira dos 1.050 metros o vento facíase notar con moita forza; a auganeve daba paso folerpas de neve e a progresión era máis difícil. No marco fronteirizo 72 decidimos parar un anaco, recompoñer un pouco a vestimenta e continuar ao vértice xeodésico portugués do Pisco.
A baixada foi complicada pola néboa, ás veces neve, outras, auganeve. Realizamos a baixada monte a través, un pouco desorientados, intentando manter o rumbo. Chegamos ata unhas antenas a uns 1.200 metros de altitude; decidimos retroceder por unha pista ata encontrar a estrada que une Pitoes dás Junias con Tourem;  voltamos campo a través ata chegar ao noso segundo obxectivo que non era outro que o vértice xeodésico Pena Cereja a 1.120 metros.
A partir dese momento descendemos o máis vertical posible dirección Tourem onde nos esperaba unha tortilla de bacallau e filetes empanados e unha bola de pan. A miña saúde está débil; por iso sinto un especial agradecemento á miña muller e a nosa amiga P. por participar da miña paixón pola montaña e ás veces, arriscar como no día de hoxe, que invitaba a ficar na casa ou realizar outras actividades menos arriscadas.
TRACK SERRA DO PISCO